A actriz Mela Casal recibirá o galardón Xociviga de Honra, que se lle entregará durante unha gala que terá lugar o 1 de agosto, durante a celebración das Xociviga 2018, según anunciaron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o autor, actor e director teatral, Xosé Prada en rolda de prensa posterior ao fallo.
O xurado adoutou o acordo por unanimidade, “como recoñecemento a súa intensa e dilatada traxectoria profesional durante as tres últimas décadas, en particular para a ficción audiovisual galega, tanto televisiva como cinematográfica, encarnando personaxes en todos os xéneros, con profunda sensibilidade e grandeza”.
O xurado estivo formado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, en calidade de presidente; o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, en función de secretario; ademais de Mariana Carballal, directora, actriz e profesora de Arte dramática; Marta Neira, xornalista, e Xosé Prada Martínez, autor teatral e actor e director do grupo Tiruleque.
Diego Fernández felicitou á galardoada e agradeceu o traballo realizado polo xurado. Así mesmo, destacou o esforzo que realiza o concello para ofrecer unhas Xociviga de interese en cada edición.
Xosé Prada tamén expresou os seus parabéns, e fixo unha breve semblanza da actriz galardoada, á quen lle recoñeceu unha exitosa carreira profesional tanto na televisión como no cine e no teatro.
BIOGRAFÍA DE MELA CASAL
Mela Casal naceu en Boqueixón, en 1948. Fíxose popular para os espectadores galegos polo seu papel da alcaldesa de Portozás, Celia Rei, na serie Mareas vivas e posteriormente foi unha das protagonistas doutras serie de ficción de éxito da TVG, A vida por diante, emitida entre xaneiro de 2006 e decembro de 2007.
En televisión ten colaborado ademais noutras producións como Nada es para siempre (Antena 3), sen esquecer o seu papel de Socorrito en Luar. As súas incursións en cine non son moi numerosas, aínda que cabe destacar a súa participación en títulos como Sei quen es, de Patricia Ferreira, en 2000, O lapis do carpinteiro de Antón Reixa en 2003 e O ano da carracha, de Jorge Coira, en 2004, así como varias curtametraxes.
Estivo nomeada ó Premio Mestre Mateo á mellor actriz protagonista en 2008 pola súa interpretación de Sofía en A vida por diante. Tamén conta cunha grande experiencia teatral.