Un centenar de personas, representando aos máis diversos estamentos da cidade de Xixón e do Principado de Asturias, asistiron este mediodía ao acto de presentación da LVII Festa do Pulpo, que nesta edición se lle dedica a Asturias.
A alcaldesa de Xixón, Ana González, foi a anfitriona deste acto que contou coa presencia do alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal; o portavoz do PP, Ricardo Perea, así como empresarios carballiñeses con negocios en Asturias, e representantes das entidades e empresas patrocinadoras da Festa do Pulpo como Abanca, Aceites Abril e Cer&Ber.
Medios de comunicación de Xixón e Oviedo, de TV, radio, prensa escrita e axencias, asistiron ao evento, que comezou cunha salutación da alcaldesa, na que destacou as similitudes e boa vecindade entre Galicia e Asturias, e fixo mención de ter raíces ourensás. Así mesmo, destacou a Festa do Pulpo do Carballiño como unha das grandes celebracións gastronómicas de Galicia. E por iso animou aos xixoneses e asturianos a asistir á Festa.
Francisco Fumega agradeceu a deferencia pola súa asistencia ao acto e destacou as cualidades da Festa do Pulpo. Tamén fixo mención da forte ligazón empresarial entre O Carballiño e Asturias, citando en concreto á cadea de pulperías A Feira, Terra Meiga e Cer&Ber.
O acto, que se celebrou na Hacienda La Llorea golg de Xixón, e ao que tamén asistiron representantes da Delegación do Goberno en Asturias, do goberno do Principado e do sector empresarial, hostaleiro e gastronómico de Asturias, estivo animado polo gaiteiro Carballiñés Isidro Vidal.
Tras a salutación das autoridades efectuouse unha degustación de empanada, pulpo á feira e carne ao caldeiro, así como unha selección de queixos asturianos