A Asociación Fotográfica O´Potiños organiza o primeiro Maratón Fotográfico de ámbito galego sobre a vila do Carballiño. Terá lugar o 18 e 19 de maio, e conta coa colaboración da concellería de Cultura do concello do Carballiño e do Centro Comercial Aberto.
O evento foi presentado esta mañá no concello do Carballiño polo alcalde, Francisco Fumega; o presidente e a xerente do CCA, Julián Garriga e Noelia Mares, respectivamente, e os directivos do colectivo fotográfico Manuel Blanco e Esther Mosquera.
Trátase dun concurso no que os participantes deberán presentar unha selección de fotografías sobre catro temas que non coñecerán ata o mesmo momento do formalizar a súa inscrición, e un de cuxos temas estará relacionado cos establecementos comerciais e hostaleiros pertencentes ao Centro Comercial Aberto.
Así mesmo, o concurso persigue a finalidade de elaborar un arquivo fotográfico sobre diversos aspectos da vila carballiñesa.
Estableceranse tres premios de 500 euros, 300 euros e 100 euros, para os tres primeiros clasificados, e non se descarta incorporar máis premios.
Os concursantes deberán formalizar a súa inscrición o día 18, onde se lle entregarán os requisitos do maratón, e as fotografías deberán presentalas nun CD ao termo do maratón o domingo 19 de maio.
O 27 de maio celebrarase un acto na sala de exposicións do auditorio municipal, onde se entregarán os premios e se abrirá unha exposición coas vinte mellores fotografías.
Francisco Fumega felicitou á asociación O´Potiños polo traballo que desenvolven durante todo o ano, e agradeceu esta nova iniciativa que ía seguir contribuindo a incrementar o arquivo fotográfico do Carballiño.
Julián Garriga tamén agradeceu e felicitou ao colectivo carballiñés pola promoción da fotografía e da vila do Carballiño, e amosouse a seguir colaborando neste tipo de iniciativas que dinamicen a vida cultural da vila.
Manuel Blanco referiuse aos pormenores do maratón, cuxas bases poden consultarse na páxina web da asociación www.potinos.com, e asegurou que para este maratón ían contar con fotógrafos de toda Galicia, pois manteñen unha boa relación coas asociacións fotográficas das catro provincias, e actualmente son un referente da actividade fotográfica a nivel de toda a comunidade e incluso de ámbito nacional.