Os produtos da caza e a pesca serán os protagonistas dunha nova xornada da Ruta da Tapas que se celebrará este venres e o seguinte, 7 e 14 de decembro, respectivamente, e no que participan catorce locais hostaleiros.
O evento foi presentado este mediodía nun acto que tivo lugar no Bar Soldado coa participación dos concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández; a xerente do CCA, Noelia Mares, e representantes dos bares, mesóns e restaurantes que participan na iniciativa.
Corzo, xabarín, coello, troitas e outros produtos, son a base das tapas elaboradas para esta ocasión e que se poderán degustar en calquera dos locais integrados na Ruta das Tapas a partir das 8 da tarde.
Con cada pincho entregarase un boleto que dará opción a obter algún dos agasallos ofertados polas casas patrocinadoras como Pazo Tizón e Estrella de Galicia, entre outras.
Manuel Dacal resaltou a calidade dos pinchos e fixo un chamamento para achegarse ao Carballiño e disfrutar destes manxares. Nos mesmos termos pronunciouse Noelia Mares, recalcando a gran variedade de pinchos que se ofertan e que se poden ver na app “quedamosdetapas”.