A compañía teatral Malasombra Producións trae este sábado, 19 de maio, ao auditorio municipal Manuel María, a obra “D.E.P. Unha comedia de morte”, que está protagonizada polo actor carballiñés Jouse García, e Xoque Carbajal.
A representación terá lugar ás 20,30 h., e o prezo da entrada é de 5 euros, que se pode adquirir media hora antes do comezo a función na taquilla.
D.E.P. é unha trepidante comedia na que se mostra con moito humor o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza. Uns seres humanos que nos amosan o seu lado máis cruel, ante a disputa de bens materiais: “que mamá morra axiña por favor”.
Como din os expertos: “Unha herdanza sen problemas non é herdanza, senón milagre”. Ou como dicían as nosas avoas: “A quen Deus non lle dá fillos, o demo dálle sobriños”.
Isto é D.E.P. Unha comedia, claro.
Esta representación forma parte da programación da concellería de Cultura dentro da Rede de Teatros de Galicia.