A concellería de Medio Rural, que coordena Rosarío González, prosigue o Plan de Mellora das fontes, lavadoiros e tanques das aldeas e parroquias do Carballiño, iniciado hai dous anos e que vai xa pola terceira fase. Este plan, que se promove a través dun programa de colaboración social co INEM, permitiu contratar o pasado ano a catro persoas, tres albaneis e un peón forestal, e este ano, a tres operarios forestais, dous peóns e un albanel.
Trátase de recuperar o medio rural e poñer en valor o seu patrimonio etnográfico, centrado sobre todo naqueles elementos que son de uso común e que se atopan en peor estado. Así, dende maio a setembro, que é o período de duración dos contratos, estanse levando a cabo labores de limpeza, selado de gretas e roza da maleza da súa contorna e camiños.
Os dous últimos anos limpáronse e arranxáronse medio cento de fontes, lavadoiros e tanques en vinteoito aldeas e parroquias, e nesta fase espérase acadar a mellora doutros vinte elementos máis. No que vai de campaña neste 2018 estanse mellorando fontes, lavadoiros e tanques nas aldeas de Banga, Sagra, Seoane, A Piteira, Longoseiros, Mudelos e Santa Uxía, e intervirase noutras tantas localidades ata o mes de setembro.
O traballo que se realiza permite descubrir incluso elementos do patrimonio etnográfico que estaban totalmente ocultos, como é o caso dunha vella mina en Costoia, que estaba completamente soterrada dende había moitos anos, e que agora inténtase recuperar para devolverlle a configuración que tiña a mediados do século pasado. En concreto, esta mina xa fora reformada no ano 1947, según figura nunha placa atopada baixo a terra.