A concellería de Servizos Sociais reúne este luns, 22 de xaneiro, á comisión encargada de analizar a situación das persoas que viven soas no municipio, para pechar o censo co que establecer un protocolo de seguimento e actuación. A reunión terá lugar ás 13,00 h., no salón de plenos do concello, coa asistencia da concelleira Marina Ortega, técnicas do seu departamento e representantes das institucións e organismos que forman parte desta comisión.
Así mesmo, o martes, 23 de xaneiro, ás 12,00 h., reinícianse no centro de día os Talleres de Memoria que organizan Afaor e a concellería de Servizos Sociais, e no que participarán unhas vinte persoas, se ben ainda se pode ampliar, pois o cupo permanece aberto.
As persoas interesadas en anotarse ou obter máis información poden facelo a través do teléfono 988219292 ou en Servizos Sociais, na rúa Faustino Santalices.
Estes talleres de memoria, enfocados na prevención e/ou deterioro cognitivo leve, impartiranse os martes e xoves, en horario de 10,30 a 12,30 h. (período escolar), e estarán atendidos por unha psicóloga e unha educadora social.