A Coral Polifónica do Casino do Carballiño viaxa este sábado, 24 de novembro, a Portugal para participar en dous concertos en Batalha e Pombal.
Concretamente, a agrupación carballiñesa intervirá xunto co Coral Polifónico do Oeste e o Orfeâo de Nossa Senhora do Rosário (Açores) no Concerto Sacro do XII Aniversario do Coral Polifónico do Oeste, que terá lugar no Mosteiro de Batalha pola mañá; e pola tarde, ofrecerá un concerto de música profana en Pombal, co gallo da celebración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018.
Con estes concertos, a Coral do Casino terá participado en cinco eventos de intercambio con Portugal durante este ano. Así, efectuou tres saídas a Aveiro, Guimarâes e esta a Batalha, mentres que o Grupo Coral de Oïa (Aveiro) estivo o 20 de outubro pasado no Carballiño para participar no XXXV Festival Galaico-Portugués de Canto Coral e Polifonía.
É unha mostra da intensa actividade desenvolvida no 2018 pola Coral do Casino, e sobre todo do fortalecemento dos lazos de unión entre esta agrupación carballiñesa e as corais do país veciño.