Será unha das actividades máis destacadas da traxectoria da Asociación Fotográfica O´Potiños, e que lle dará a esta entidade trascendencia nacional e incluso internacional. Así o recoñeceu o presidente da asociación, Manuel Blanco, durante o acto de presentación deste curso, ao que tamén asistiu o concelleiro de Cultura, Diego Fernández.
O alcance desta actividade está a resultar tan chamativo que incluso sopésase a posibilidade de ampliar o número de prazas dispoñibles que, en principio era de 35 a 40, pero que tras a apertura do prazo de preinscrición a través do Facebook e de Instagram de O´Potiños, esta dispoñibilidade quédase absolutamente curta, de modo que a organización está avaliando a posibilidade de trasladar o curso do Hotel Arenteiro, onde está previsto en principio, ao auditorio municipal.
O curso desenvolverase o 23 e 24 de novembro, e o custo da asistencia é de 140 euros. O periodo de inscrición, que pode realizarse a través do Facebook e Instagram de O´Potiños, e tamén da páxina web desta asociación, finaliza o próximo 25 de outubro.
Segundo confirmou Manuel Blanco, as inscricións superan xa o número de prazas inicial, polo que é probable que se amplíen. Ao repecto dixo que incluso hai inscricións de Portugal.
E é que Cristina García Rodero é unha das fotógrafas máis laureadas a nivel nacional e internacional, sendo a primeira muller que entrou a formar parte da prestixiosa Axencia Magnum.
Nacida en Puertollano, Ciudad Real, vive en Madrid desde 1968. Ten recibido numerosos premios nacionais e internacionais, entre outros, Premio W. Eugene Smith de Fotografía Humanista, Nova York, 1990; Premio Dr. Erich Salomón, Colonia, 1990; World Press Photo na categoría de arte, Ámsterdam, 1993; Premio Nacional de Fotografía, Madrid, 1996; Premio Godó de Fotoperiodismo, Barcelona, 2000; Medalla de Oro al Mérito a las Bellas Artes, 2005; Premio PhotoEspaña 2017 e Doctor honoris causa pola UCM 2017.
Asimesmo, ten exposto a súa obra nas mellores galerías e museos do mundo, como o MOMA de Nova York; na 49 e 51 Biennale di Venezia, no Museo do Prado, ou no Museo Nacional Centro Reina Sofía, por citar algunhas.
Na Master Class, de 12 horas de duración, repartidas entre o sábado 23 e o domingo 24 de novembro, Cristina García Rodero explicará a súa experiencia durante máis de 40 anos como fotógrafa documental, así como da súa traxectoria, a súa metodoloxía técnica e o proceso creativo de traballo desenvolvido nestes anos.
Manuel Blanco asegurou que co seu currículo e actividade tan intensa, foi complicado pechar este evento, e que por eso O´Potiños e O Carballiño ían a figurar no mapa nacional das iniciativas en fotografía.
Diego Fernández felicitou a todos os integrantes da asociación por este éxito e agradeceu o intenso labor cultural que desenvolven no Carballiño, e que se incrementará nos próximos días coa presentación das exposicións do Arenteiro Fotográfico.