O espazo de eventos A feira-La Llorea Golf, situado preto de Xixón, será o lugar no que se presente a LVII Festa do Pulpo, cuxa edición se lle dedica a Asturias.
A data foi proposta polo gabinete da alcaldía de Xixón, xa que era a única dispoñible a finais deste mes de xullo para que poidese asistir a alcaldesa da cidade, Ana González.
Para establecer tanto a data como a organización do evento, desprazáronse ata Xixón os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente.
Así, mantiveron unha reunión no concello de Xixón co xefe de gabinete da alcaldesa, Celso Ordiales; co presidente da Asociación de Hostelería de Xixón, Ricardo Álvarez, e con Miguel Ángel de Dios, cofrade maior do Desarme de Oviedo, festa declarada de interese turístico rexional.
O acto de presentación terá lugar ás 13,00 h., e ao remate haberá unha degustación dos produtos típicos da Festa do Pulpo como son empanada, pulpo a feira e carne ao caldeiro.
Ao acto acudirán autoridades dos concellos de Xixón, Avilés e Oviedo, así como dos medios de comunicación do Principado de Asturias, entre outros convidados.