A visita de PAPA NOEL, que terá lugar este sábado, 23 de decembro, ás 6 da tarde na Praza do Emigrante, será unha das actividades de Nadal máis salientables, sobre todo para os nenos e nenas, durante esta próxima fin de semana. PAPA NOEL acudirá á cita cos pequenos nunha carroza espectacular, e ao termo da visita obsequiarase aos asistentes cunha chocolatada que será ofrecida polos integrantes de Aspadisi.
TEATRO INFATIL
Tamén este sábado 23, pero ás 12 do mediodía, no auditorio municipal, terá lugar a representación da obra infantil e familiar “A NENA QUE QUERÍA NAVEGAR”, a cargo da compañía teatral REDRUM PRODUCCIÓNS. Esta obra chega ao auditoio dentro da Rede de Teatros de Galicia, e vai dirixida a nenos e nenas a partir dos 6 anos. O prezo da entrada é de 3,50 euros. Os asistentes recibirán como agasallo o cómic “O báculo de Daghdha”, de Norberto Fernández.
Sinopse
A Nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida. Ensinaralle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.
CHARLAS “EMPRENDE XUVENTUDE”
Por outra parte, a xornada “Emprende Xuventude” sobre “A castaña e os castiñeiros”, terá lugar no salón de plenos do concello este sábado 23 de decembro, de 10,30 a 13,00 h.
CONCERTO DE PANXOLIÑAS
E o luns, 26 de decembro, ás 6 da tarde no Templo da Veracruz, o ORFEÓN ofrecerá o CONCERTO DE NADAL, interpretando unha selección de panxoliñas ensaiadas para esta ocasión.
EXPOSICIÓN NO AUDITORIO
Ata o 15 de xaneiro prosigue na sala de exposicións do auditoio municipal Manuel María a mostra de pintura, escultura e instalacións de artistas das comarcas do Carballiño e O Ribeiro “22 ANOS OLLANDO ESTAS TERRAS”, que organiza o Centro de Estudios Chamoso Lamas.
Pode visitarse de luns a venres en horario de 18,00 a 21,00 h, e os sábados, domingos e festivos en horario de 11,00 a 13,00 h.