Unha vez pechado o prazo de inscricións para a X Carreira Solidaria do Arenteiro, que terá lugar este próximo domingo, 23 de decembro, ás 11,00 h., con saída e meta na praza da Veracruz, superáronse dabondo as previsións da organización. Así, mentres hai unha semana anunciábase a previsión de arredor de 500 participantes, o número total de persoas inscritas é de 592, por lo que non se descarta que coas inscricións que se poden efectuar o propio día da carreira, tomen a saída máis de 600 persoas.
Ao respecto, comunícase que, malia a que está pechado o prazo para a inscrición de adultos, os nenos e nenas ainda poden apuntarse antes do comezo da carreira na carpa que se instalará na praza da Veracruz.
O Concello do Carballiño xa ten todo disposto para que esta actividade deportiva e solidaria se desenvolva nas mellores condicións posibles, ao que contribuirá a boa previsión meteorolóxica.
Recórdase que ese día, entre as 11,00 e as 13,00 h., permanecerán cortadas ao tráfico as principais rúas da vila por onde discurrirá a carreira, polo que se recomenda non circular polo centro do casco urbano, e utilizar vías e aparcamentos alternativos no caso de ter que usar un vehículo.
Haberá unha proba para a categoría absoluta, cun percorrido de 10 km, e outros percorridos máis curtos para o resto das categorías.