A XXVI Festa das Parroquias celebrarase en Mudelos o domingo 3 de xuño. É a segunda vez que esta parroquia carballiñesa organiza a festa, pois xa o fixera hai doce anos.
O evento foi presentado esta mañá nun acto ao que asistiron o alcalde, Francisco Fumega; a concelleira de Medio Rural, Rosario González; o presidente da Asociación de Veciños de Mudelos, Emilio Alonso, e o tesoreiro de dita asociación, Delmiro Cabo.
O programa comezará ás 11 da mañá con pasarrúas polas aldeas a cargo do grupo de gaitas Chimpafigos, de Cabeza de Vaca.
Ás 12 terá lugar a misa na igrexa parroquial de Mudelos, e ás 13,00 h., haberá o tradicional concerto da Banda Escola de Música do Carballiño.
Coma sempre, o xantar será ás 14,00 h., e consistirá en empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, sobremesa, pan, viño e café. O prezo de menú é de 18€, igual que o pasado ano cando se tivera que subir un chisco polo incremento do prezo do pulpo.
A partir das 5 da tarde comezarán os xogos e a animación musical.
Haberá campionato de subastado e brisca (equipos de catro), con trofeos para campións e subcampións. Tamén haberá xogos populares, como zancos, aros, a ra, chave e pentanca. E, por suposto, procederase a entrega do ramo á asociación que se vaia a encargar da organización da festa do 2019.
O dúo musical formado por Pachi e Monse será o encargado de amenizar o baile.
Francisco Fumega agradeceu o esforzo da Asociación de Veciños de Mudelos por asumir o reto de organizar a festa deste ano, así como a colaboración e o traballo que realiza a concelleira de Medio Rural, tanto no tocante a esta festa como ás actividades e necesidades das parroquias durante o resto do ano. Tamén ensalzou o programa e convidou a participar no evento.
Rosario González reiterou o agradecemento á Asociación de Mudelos e á Federación de AAVV, e fixo un chamamento aos veciños e veciñas para que participen activamente na festa, e recollan as tarxetas canto antes nas súas respectivas asociacións.
Pola súa parte, Emilio Alonso amosouse moi honrado por organizar esta edición da festa, recalcando que non había que deixala morrer nunca, xa que era unha gran oportunidade para compartir co resto das asociacións un día de lecer e conversar sobre os problemas das parroquias. Dixo que había doce anos a festa xa tivera lugar en Mudelos cun gran éxito, e que esperaba que esta edición o fose igualmente. Tamén chamou á participación do vecindario do municipio do Carballiño e da corporación municipal, e tivo un recordo para todos aqueles integrantes das asociacións veciñáis que xa morreron, e que contribuíron a dinamizar o movemento asociativo nas parroquias.
Delmiro Cabo compartiu este mesmo sentimento e tamén chamou á participación.