A Carreira Solidaria do Arenteiro, que organiza o Concello do Carballiño, estase consolidando como a segunda proba deste tipo máis importante da provincia. Así o manifestou un dos representantes do Club Atletismo Arenteiro durante o acto de presentación deste evento, que contou coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; representantes do Banco Mediolanum e de Cáritas.
Nesta décima edición, aos primeiros 500 participantes que se inscriban entregaráselles unha camiseta e unha bolsa conmemorativa da proba. As inscricións poden facerse ata o próximo xoves na páxina web www.championchipnorte.com e como é unha carreira solidaria prégase a colaboración con produtos de comida non perecedeiros, que se entregarán a Cáritas.
Haberá unha proba para a categoría absoluta, cun percorrido de 10 km, e para outras categorías con percorridos moito máis curtos. A carreira comezará ás 11,00 h., con saída e chegada na praza da Veracruz.
Nesta edición destacan os patrocinios e colaboracións de Deputación Provincial, Banco Mediolanum, GRI, Grupo Dizmar, Gadis, A Fuchela, Cer&Ber, lamargha, Autotodo, Autocares Rodríguez, Empresa Montañesa, Club Atletismo Arenteiro e Korpore Arenteiro, entre outros.
Manuel Dacal agradeceu a colaboración dos patrocinadores e sobre todo do Club Atletismo Arenteiro, que é quen carga coa organización da proba, así como a Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Cruz Vermella e as brigadas municipais de Medio Ambiente e Obras. E animou á participación da veciñanza, posto que se trata dunha actividade solidaria.
Juan Estévez, en representación de Cáritas agradeceu unha vez máis a iniciativa, e chamou a atención sobre as necesidades de axuda no Carballiño, asegurando que Cáritas atende na actualidade a 197 familias, que son 70 familias máis que o pasado ano.
Finalmente, dende o Club Atletismo Arenteiro, díxose que esta proba estaba xa consolidada como a segunda de maior participación da provincia, e que requería un traballo de loxística moi considerable, pero que se asumía dende o club con moita ilusión. Dixo que habería un percorrido para a proba absoluta e outros máis curtos para os participantes máis pequenos. E adiantou que haberá agasallos para todos os participantes, avituallamento e chocolate ao remate.