Arredor de trescentas persoas, representantes de marcas e productos do sector da enogastronomía daranse cita mañá, martes, 20 de marzo, ás 17,45 h., no auditorio do Carballiño, durante a celebración da Gala do Turismo e a Gastronomía de Galicia, que promove a revista especializada HG&T.
O acto foi presentado esta mañá polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o director da revista, Guillermo Campos, e a xerente da mesma, María Campos.
Trátase de recoñecer os productos e empresas do sector que obtiveron as mellores cualificacións nas Catas Transfronteirizas promovidas pola revista HG&T nos últimos cinco anos, según o baremo de expertos enólogos, de asociacións de catadores e das universidades. Máis de trescentas marcas obtiveron puntuacións equivalentes ao ouro, prata e bronce, sobre uns mil productos analizados. Entre estes productos atópanse sectores coma o dos viños, conservas, queixos, aceites, destilados, chacinas, cafés e cervexas, entre outros.
Guillermo Campos dixo que esta Gala do Turismo e a Gastronomía ía ser de novo, tras cinco anos sen celebrarse, o maior punto de encontro intersectorial de Galicia, e que a elección do Carballiño se debía principalmente á boa situación estratéxica da vila, e por ser a cabeceira dunha comarca cun gran potencial turístico e gastronómico.
Francisco Fumega agradeceu a deferencia e asegurou que actos coma este axudan a potenciar ainda máis os recursos turísticos e gastronómicos do Carballiño.