As piscinas municipais comezarán a tempada de verán este venres, 29 de xuño, pola mañá, e o farán con dúas xornadas de portas abertas, que serán o propio venres e o sábado, 30 de xuño, nos que a entrada será gratuita.
Así mesmo, ábrese o prazo de solicitude para os cursos de natación, cuxa inscrición deberá facerse nas piscinas municipais a partir deste venres pola mañá. O monitor dos cursos será quen formalice as matrículas e ofreza canta información se precise ao respecto.
Ademáis, durante o mes de xullo, os martes e venres, de 13,00 a 14,00 h., haberá sesións de música e festa na auga “Aqua Dance”, para cuxa actividade non é preciso inscribirse, senón participar directamente.
Nesta tempada, ao igual que na anterior, os bonos de 15 días e 30 días serán por usos diarios, e non por quincenas ou mensualidades concretas, polo que se abarata significativamente o prezo das entradas.
Así, cun bono de 15 días de adultos (máis de 16 anos), cuxo prezo é de 24,20 euros, o custo de cada entrada queda en 1,61 euros. Cun bono de 15 días infantil (de 4 a 16 anos), cuxo prezo é de 11,90 euros, o custo de cada entrada queda en 0,79 euros.
Os bonos de adultos de 30 días costan 35,15 euros, co que cada entrada sae a 1,17 euros. Os bonos infantís de 30 días costan 17,90 euros, co que o prezo de cada entrada é de 0,59 euros.
O custo dos bonos familiares é o seguinte: 30 días, 82,30 euros; 15 días, 41,65 euros, e de tempada (3 meses), 201,90 euros.
As entradas soltas por día saen a 2,55 euros as de adultos, e 1,55 euros as infantís.
Para poder realizar os cursos de natación, que son mensuais, hai que mercar o bono de 30 días, e o prezo do curso é de 39,50 euros. Así, os nenos e nenas menores de 16 anos deberán abonar 39,50 euros do curso máis 17,90 euros do bono de 30 días. E os adultos, 39,50 euros máis 35,15 euros do custo do bono de 30 días.