A realización da segunda edición dos obradoiros do programa “Carballiño Cardiosaudable”, así como a sinalización da primeira ruta “Camiña cara á saúde”, contribuirán a que este itinerario se faga de xeito habitual. Así o esperan as enfermeiras promotoras destas iniciativas tras o éxito de participación no programa desenvolvido a semana pasada.
En concreto, aos once obradoiros realizados a semana pasada asistiron setenta e sete persoas, superando a participación da primeira edición. Tamén foi moi poisitiva a valoración das actividades realizadas, nas que se trataron os temas de prevención, tabaco, alcohol, urxencias, primeiros auxilios, dislipemia, control de estrés, hábitos saudables para controlar a tensión aterial, diabetes, hábitos de vida saudables para nenos, a importancia de comer ben e o exercicio físico como factor protector.
Neste último punto é no que adquire maior relevancia a Ruta Cardiosaudable “Camiña cara a saúde”, que se debe facer de xeito habitual como unha actividade moi recomendable para mellorar o estado físico das persoas, en especial, para o corazón.
A ruta sinalizada ten un percorrido de 2.490 metros, e realízase nun tempo aproximado de 98 minutos, co seguinte itinerario: Praza Maior, Casa dos Quiroga, Casino, Praza de Abastos, Ponte de Toscaña. Área Recreativa, Criadeiro de troitas, Lavadoiro e Balneario.