O director da premiada película de animación en stop-motion “O Apóstolo”, Fernando Cortizo, impartirá un obradoiro de animación en stop-motion con plastilina dentro das Xociviga 2019.
Este obradoiro, que terá lugar na sala xuvenil da biblioteca, na Casa da Cultura, o martes 30 de xullo, en horario de 09,30 a 13,30 h., vai dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos, e terá como finalidade aprender a facer as propias películas na casa.
Os alumnos terán á súa disposición tódolos materiais e ferramentas necesarias para realizar os seus traballos. Aportarase unha base tecnolóxica que inclúe ordenadores e softwares específicos, así como diferentes tipos de cámaras que poden utilizar, e as variedades de lentes para obter diferentes resultados. Tamén se inclúen tódolos utensilios artesanais para realizar as probas: libretas, lápices, plastilinas, papel maché para os decorados, armazóns para crear os seus bonecos…
O obradoiro terá un número de prazas limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse ata o 26 de xullo na biblioteca municipal ou na área de Cultura do concello, en horario de mañá.