Os grupos de música tradicional “Terras do Arenteiro”, do Carballiño; As Faíscas e Os Biruxes, de Boborás; Feitizo de Pau, de Cea, e Cotovías, de Maside, serán os encargados de animar este sábado, 26 de xaneiro, a V edición dos Cantos de Taberna de inverno “No bico, un cantar”.
O evento presentouse esta mañá conxuntamente coa nova Asociación Cultural “Terras do Arenteiro”, que nace para contribuir á dinamización cultural da vila e da comarca, e que nesta edición encárgase da organización do festival, en colaboración co concello do Carballiño.
Este sábado, a partir das 8 da tarde e ata ben entrada a noite, estas catro formacións de músicos, cantareiras e pandereteiras, percorrerán dez locais hostaleiros da vila para interpretar un amplo abano de cantigas e temas de música popular galega.
Os locais participantes nesta iniciativa son: Estate Quieto, Soldado, Ernesto, Ningures, Don Paco, Riquirmo, O Fiadeiro, Caserío, Plaza e A Fuchela.
Ao acto asistiron o concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o presidente da Asociación Cultural “Terras do Arenteiro”, Alejandro Graña, e a directiva deste colectivo Asunción Adá.
Diego Fernández agradeceu o labor que desenvolve esta asociación, que ven colaborando dende hai tempo en diversas actividades culturais a través da Escola de Gaitas, e que ten previsto levar a cabo a recuperación do repertorio de música tradicional da zona.
Así mesmo, animou aos carballiñeses e visitantes a achegarse este sábado ata estes locais participantes para disfrutar dun festival que cada ano consigue maior recoñecemento.
Alejandro Graña e Asun Adá explicaron que, tras 25 anos de andaina a través da Escola de Gaitas, coa que levaron a cabo diversas viaxes por Alemaña, Francia e Portugal, apoiando á emigración, e de colaborar con grandes músicos e formacións como Carlos Núñez, Luar na Lubre ou Serxio Budiño, entre outros, chegou o momento de comezar unha nova etapa, e que o facían con esta nova asociación e un novo concepto de formación completamente diferente das Bandas de Gaitas que había ata agora e que xa non son operativas.
Terras do Arenteiro seguirá contando coa colaboración de gaiteiros carballiñeses tan destacados como Isidro e Alejandro Vidal, e no seu proxecto está abordar un amplo abano de música popular e tradicional, ou doutras modalidades, pero tamén outro tipo de actividades de ámbito cultural.
A asociación está establecida no Casino do Carballiño, onde imparte clases de diversos instrumentos, e que será a súa sede.