Un total de vintecinco persoas participaron ao longo deste curso 2018/19 nos talleres de memoria, organizados pola concellería de Benestar Social, Igualdade e Sanidade en colaboración coa asociación de familiares de enfermos de alzheimer e outras demencias (Afaor), que se impartiron por dúas educadoras sociais especializadas, e que se viñeron desenvolvendo no Centro de Día os martes e xoves.
A concelleira sainte de Benestar Social, Igualdade e Sanidade, e deputada nacional, Marina Ortega; a concelleira electa Guadalupe Sobrado, e a presidenta de Afaor, Mª Dolores Neira, asistiron esta mañá á clausura do curso, sinalando que se trata dunha actividade moi gratificante, pois mellora significativamente a capacidade cognitiva destas persoas. Así mesmo, destacaron como novidade a axuda ás familias para entender mellor a problemática á que se enfrentan.
Mª Dolores Neira agradeceu a colaboración do concello do Carballiño e fixo entrega a Marina Ortega dun agasallo que foi elaborado polas persoas participantes Nun dos talleres de memoria de Ourense.
Pola súa parte, Marina Ortega agradeceu a deferencia, e presentou á nova concelleira Guadalupe Sobrado.