Concelleiras, concelleiros e persoal do concello concentráronse esta mañá ás 11,00 h., na Praza Maior, en repulsa polo asasinato machista acontecido onte na localidade da Pastoriza.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Guadalupe Sobrado, diu lectura a unha declaración institucional de condena, e ao final gardouse un minuto de silencio.
DECLARACIÓN
“A Corporación Municipal do Carballiño quere expresar unánimemente o seu pesar e a máis enérxica repulsa pola morte violenta dunha veciña da Pastoriza a mans do seu marido no día de onte.
Este feito merece a máis absoluta condena, así como unha fonda reflexión acerca da violencia machista, que é unha das lacras deste tempo e que por desgracia se repite con moita frecuencia.
Por isto, é preciso tomar conciencia da necesidade de seguir incidindo na repulsa deste tipo de actos e apoiar todas as iniciativas que se leven a cabo para acabar con estes asasinatos.
Para quen conformamos a Corporación Municipal, e en representación de toda a veciñanza do Carballiño, queremos deixar constancia da nosa condolencia á familia da vítima, e a condena máis firme destes feitos.
Con este motivo, imos gardar un minuto de silencio”.