Por cuarto ano consecutivo e dentro das Xociviga 2019, convócase o concurso de curtametraxes XC-CURTASoPRIMA, unha das seccións do festival de cine do Carballiño dirixidas a promocionar aos novos talentos do audiovisual galego. Nesta cuarta edición, ademáis, o concurso de curtametraxes está reservado para os autores ou autoras de ata 25 anos.
As bases figuran na páxina web do concello do Carballiño, así como a folla de inscrición, que deberá cubrirse e remitirse, xunto co resto da documentación requerida, a través do rexistro do concello, ben físicamente no propio concello ou mediante a sede electrónica clicando na sección “instancia xeral”.
A participación está aberta a tódolos directores ou directoras de 25 anos ou menos no momento da estrea da curtametraxe presentada, e coa salvidade de non poder ter exercido autoría en máis de cinco pezas audiovisuais previas á que se presenta a este certame. Tampouco poderán presentarse se previamente foron autores ou autoras dunha longametraxe.
As curtametraxes deberán ser galegas, isto é: estar realizadas en Galicia ou ser dirixidas por unha persoa galega; a data de produción das pezas que se presenten a concurso non poderá ser anterior a 2018; As curtametraxes presentadas non poderán exceder dos 20 minutos de duración, e a temática será libre, estando admitidos todo tipo de xéneros e modalidades de creación, agás o videoclip e o spot publicitario. Así mesmo, os materiais presentados deben estar en lingua galega ou en español: no caso de estaren nun idioma diferente a estes, deben incluír subtítulos a unha destas dúas linguas.
Para participar será imprescindible cubrir o formulario da inscrición dispoñible en www.carballino.gal e achegar todos os datos e a documentación que nel se solicita. O prazo de presentación rematará o día 13 de xullo de 2019, ás 14,00 h.
As obras deben enviarse en formato ”.mp4” ou “.mov” (codec H264), cunha resolución mínima de 1280×720 píxeles. En caso de necesidade técnica, poderanse solicitar as obras seleccionadas en formato diferente para efectos da súa proxección.
Premios
Os premios deste certame serán dados por un xurado especificamente reunido para este fin e serán os seguintes:
Primeiro premio: 500 euros e figura conmemorativa.
Segundo premio: 300 euros e figura conmemorativa.
Accésit: 100 euros e figura conmemorativa.
Xurado
O xurado estará formado por cinco profesionais de recoñecido prestixio no sector audiovisual e/ou académico, así como por novas promesas do mesmo. Haberá un presidente ou presidenta do xurado que será quen se encargue de tomar a decisión final en caso de empate.
O xurado valorará positivamente o uso da lingua galega nas obras presentadas, así como tamén o carácter innovador e a orixinalidade da proposta, tanto na temática como no aspecto narrativo e formal. Terá tamén en conta a eficacia na resolución de todo o anterior.
Na pasada edición presentáronse a este concurso 20 curtametraxes, resultando gañadoras co primeiro premio a curta “La mujer invisible”, de Noemi Chantada Puime: o segundo premio foi para “Cando mamá pechou as caixas”, de Arancha Álvarez Brandón, e o accésit foi para a curtametraxe titulada “Escarabana”, de Sara Casasnovas Pumar.
Relacionado:
Ficha inscrición 2019 (docx)