A revista “Modern Magazine”, o xornal “Guanzhou Daily” e a emisora de radio “Shenzhen”, da provincia de Cantón ou Guangdong, cuxa capital é a maior área metropolitana do mundo, con preto de 47 millóns de habitantes, recollen a celebración da Festa do Pulpo do Carballiño como unha das manifestacións gastronómicas máis destacadas de Galicia.
Son noticias elaboradas polos xornalistas que conformaban a delegación chinesa que asistiu este pasado verán á 56 Festa do Pulpo dentro dunha viaxe por Galicia, promovida pola Dirección de Turismo da Xunta, e que complementarán a solicitude para obter a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Trátase de tres medios de comunicación moi importantes na capital e provincia de Canton, situada ao sur de China.
O periódico Guanzhou Daily ten unha tirada de 1,8 millóns de exemplares, e cita na información a Festa do Pulpo carballiñesa.
A revista MODERN MAGAZINE inclúe unha ampla reportaxe de sete páxinas sobre Galicia, na que unha das imaxes destacadas é unha pulpeira cortando e preparando un prato de pulpo no recinto oficial do parque durante a pasada Festa do Pulpo.
Estas publicacións e a emisión radiofónica, engadiranse ás que xa se posúen doutra delegación de xornalistas internacionais que visitou O Carballiño o pasado ano, así como de Portugal, co obxectivo de cumplimentar a documentación que se esixe para a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.
Aos xornalistas chineses invitados ao xantar do recinto oficial da festa o domingo 12 de agosto, entregáronselle varios agasallos conmemorativos da Festa do Pulpo e un dossier en idioma inglés con ampla información e fotografías sobre a tradición pulpeira carballiñesa, a Festa do Pulpo e un resumo das principais características sobre a situación xeográfica, patrimonio natural e histórico-artístico do municipio e da comarca, termalismo, gastronomía e turismo.