O 18º Encontro de grupos de autoxestores de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento reúnense esta fin de semana na Residencia do Tempo Libre do Carballiño para avanzar en autonomía persoal e social. Este encontro está organizado por Fademga.
O evento inaugurouse esta mañá nun acto ao que asistiron o presidente de Fademga, Eladio Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz; a presidenta de Aspadisi, Josefa Rodríguez; e os concelleiros de Benestar Social, Sanidade e Igualdade, Marina Ortega, e de Cultura, Diego Fernández.
No acto destacouse sobre todo a innovación que supón plantexar temas de gran importancia para este colectivo, como é a vida en parella, a seguridade vial e a prevención do abuso nas redes sociais, entre outros.
Eladio Fernández diu a benvida aos asistentes chegados de toda Galicia, e asegurou que eles eran os verdadeiros protagonistas do encontró. Tamén agradeceu ás autoridades a súa asistencia e colaboración.
Diego Fernández agradeceu a invitación e expresou o seu apoio e parabéns pola iniciativa.
Marina Ortega amosou o seu orgullo polo traballo que realizan as asociacións para mellorar a vida das familias e persoas con discapacidade intelectual, e recordou as relacións permanentes do concello con estas asociacións, especialmente Aspadisi, destacando a posta ao seu servizo dun piso para profundizar no proceso de autonomía persoal.
Marisol Díaz referiuse á implicación da Xunta e recordou a convocatoria de seis prazas para que as persoas con discapacidade intelectual poidan traballar na administración autonómica, asegurando que en breve convocaríanse outras vintecatro máis.
Francisco Fumega felicitou a Fademga polo traballo que realiza, resaltando a longa relación desta asociación co Carballiño, compartindo moitos encontros. Tamén se referiu á recente consecución do dereito ao voto das persoas con discapacidade intelectual, e a que en materia de apoio a este colectivo debe prevalecer sempre o consenso institucional. Finalmente agradeceu a dedicación de Eladio Fernández e da presidenta de Aspadisi, Josefa Rodríguez.
Os grupos de autoxestores xurdiron co obxectivo de ofrecer ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento a oportunidade de manifestarse por si mesmas e ser protagonistas dos aspectos que poden influir na súa vida.
Entre as metas, figuran: acadar unha autonomía persoal e social maior da que posúen, ser protagonistas da súa vida, debater e empoderarse para decidir sobre asuntos que lles son propios.