Nove centros educativos da comarca do Carballiño e un de A Estrada participarán este próximo mércores, 20 de marzo, na VII Celebración do Día das Árbores, da Auga e da Poesía, que terá lugar ás 11,00 h., na Insua dos Poetas, na Esgueva-Madarnás-O Carballiño.
Trátase dos colexios públicos do Irixo, Bearíz, Maside e Boborás; dos colexios Sagrado Corazón e Vila do Arenteiro do Carballiño; dos institutos Chamoso Lamas e Nª 1 do Carballiño, e do colexio público de Foxo A Estrada.
Son máis de trescentos alumnos a alumnas os que realizarán diversas actuacións no escenario, ademáis de participar na plantación de árbores autóctonas, unha por cada centro, ao final do acto.
Estas árbores plantaranse arredor da peza escultórica Calíope, Musa da Poesía, que é obra de Acisclo Manzano, e que se inaugurará neste acto.
O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, será quen dé a benvida aos asistentes, sendo o coordinador-presentador o director do CEIP do Irixo, Carlos Bericat.
Entre as autoridades convidadas ao acto teñen confirmada a asistencia o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar.