O Centro de Estudios Chamoso Lamas e o concello do Carballiño teñen programado para este domingo, 28 de outubro, unha andaina cultural á torre medieval de Godás e ao cruceiro e ponte de Ponterriza, recentemente limpada por un equipo dirixido pollo arqueólogo Jorge Lamas, e que deixou ao descuberto marcas de canteiros e símbolos que se descoñecían ata agora.
O roteiro partirá ás 09,30 h., do Paseo do Arenteiro (zona de aparcamento de coches fronte ás Barcias) e percorrerá as ribeiras do río, pasando polo Museo Etnográfico, torre medieval de Godás, a ponte do río Pedriña e o cruceiro e a ponte medieval de A Ponterriza. En total, uns 2 km de ida, e regreso polo sendeiro da marxe dereita. O remate do paseo está previsto para as 13,00 h., aproximadamente.
A andaina estará dirixida polos historiadores e arqueólogos do Centro de Estudios Chamoso Lamas, que realizarán explicacións nos lugares de maior interese do percorrido.
Para participar nesta andaina non é preciso inscribirse previamente, e tan so hai que estar no punto de encontro á hora sinalada, podendo participar calquera persoa que o desexe, sen limitación de idade, pois trátase dun percorrido de dificultade baixa.
É a segunda andaina que organizan o Centro de Estudios Chamoso Lamas e o Concello do Carballiño neste outono, e que comezou o pasado 6 de outubro cunha andaina nocturna aos petroglifos de Cangues.