Será ás 20,00 e 22,30 h., no auditorio municipal Manuel María, ambas sesións en galego.
Este venres día 17 de xaneiro o Cine Club Carballiño proxecta no Auditorio Manuel María o filme O que arde, do galego Oliver Laxe. Trátase da súa terceira película de ficción coa que non só acadou o favor da crítica como nas anteriores, senón tamén neste caso o do público, converténdose nunha auténtica sorpresa a nivel de taquilla no noso país, sobre todo se temos en conta que se trata dunha producción independente de pequeno orzamento.
Gañadora do Premio do Xurado no Festival de Cannes, con catro nominacións aos premios Goya, entre elas a de Mellor Película e Mellor director, Mellor película e director no pasado Festival de Mar del Plata, está chea de imaxes deslumbrantes cun espectacular traballo de fotografía a cargo de Mauro Hercé e conta coas actuacións de dous “amateurs” como Benedicta Sánchez e Amador Arias que enchen de sentido aos seus personaxes.
Un filme altamente recomendable.
SiNOPSE
Ninguén espera a Amador cando sae do cárcere tras cumprir a súa pena por ter provocado un lume. Regresa á súa casa, nunha aldea perdida nas montañas lucenses, onde volverá a convivir coa súa nai, Benedicta, a súa cadela, Lúa e as súas tres vacas. As súas vidas transcorren ó ritmo sosegado da natureza, ata que todo cambia cando un lume violento arrasa a zona.
FICHA
Dirección: Oliver Laxe
Guión: Santiago Fillol, Oliver Laxe
Produción: Mani Mortazavi, Andrea Queralt
Dirección de Fotografía: Mauro Hercé
Dirección de Produción: Samuel Lema
Montaxe: Cristóbal Fernández
TÉCNICA
Título orixinal: O que arde Duración: 89’
Ano: 2019
País: España
Idioma: Español, galego
FICHA ARTÍSTICA
Benedicta Sánchez, Amador Arias, Elena Mar Fernández
Galardóns
• Festival de Cannes 2019: Premio do Xurado – Un Certain Regard
• Festival Mar de Plata 2019: Mellor Película e Guión
O director, Oliver Laxe (1982, París, Francia)
Fillo de pais galegos, naceu en París aínda que voltou con eles a Galicia aos 6 anos. Tras os seus primeiros estudos na Coruña trasladouse a Barcelona para estudar na Universidade Pompeu Fabra. Comeza a súa obra rodando curtametraxes en Londres e Tánxer, polas que obtivo varios premios en festivais internacionais. Precisamente en Tánxer creou o proxecto Dao Byed, un obradoiro cinematográfico para rapaces pobres do Magreb. Desta experiencia xorde a súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns (2009), coa que gañou o premio FRIPESCI no Festival de Cannes. Posteriormente rodou Mimosas (2015), estreada tamén no Festival de Cannes, e tamén galardoada, neste caso co Gran Premio da Semana da Crítica.