A concellería de Medio Rural, que dirixe Rosa Fuentes, agarda que a consellería de Infraestruturas e Mobilidade arranxe canto antes un vial de servizo no Casar, na Esgueva-Madarnás, que se atopa en moi mal estado desde hai tempo.
Este vial, que transcorre paralelo á estrada do Carballiño ao Irixo, é de titularidade autonómica, polo que desde o concello do Carballiño vense reclamando o seu arranxo, e sobre todo tras realizarse unha exhaustiva limpeza ao longo e ancho do seu trazado, tanto polos propietarios dos terreos circundantes como polo propio concello.
Co obxectivo de que o acondicionamento deste vial de servizo non se prolongue en demasía, incluso o concello ofreceulle á consellería de Infraestruturas a posibilidade de obter a autorización para poder asfaltalo.
En todo caso, a concelleira de Medio Rural espera que sexa a consellería quen leve a cabo este acondicionamento e que o faga no menor tempo posible.