O concello do Carballiño conta cunha alternativa empresarial para crear unha zona de aparcamento destinada a camións de gran tonelaxe. Trátase dun recinto pechado e vixiado con cámaras de seguridade que se adapta moi ben ás necesidades que require unha gardería para vehículos destas características.
Tras varios meses de xestións na busca de alternativas para facilitar aos transportistas carballiñeses o aparcamento dos seus camións nas mellores condicións de seguridade para todos, esta empresa pode comezar a prestar este servizo de xeito inmediato. E incluso dende o concello anúnciase que hai xa outra alternativa empresarial máis para ofrecer algo semellante.
Para informar destas posibilidades, que permitirían eliminar o aparcamento de vehículos pesados das rúas da vila, como acontece coa estrada de Ourense, entre outras, convócase unha reunión coas empresas de transporte e transportistas autónomos locais, que terá lugar o próximo luns, 1 de outubro, ás 19,00 h., no salón de plenos do concello.
A previsión do concello é que esta medida posibilite con carácter inmediato e definitivo a retirada dos vehículos de gran tonelaxe das rúas da vila, para o cal se procederá a reforzar a sinalización de prohibición de circular e aparcar este tipo de camións dentro do casco urbano.