A IV edición dos Cantos de Taberna “No bico un cantar”, que organiza a concellería de Cultura en colaboración coa concellería de Turismo e o sector hostaleiro do Carballiño, pode ser unha das mellores a tenor do interese que está suscitando.
A concellería de Cultura mantén aberta a inscrición dos grupos para participar no evento que terá lugar o sábado 20 de xaneiro. Por isto, convídase a todas as formacións de canto popular e tradicional que estean interesadas, a formalizar a súa inscrición na área de Cultura do concello do Carballiño. Pódeno facer personalmente, por teléfono ou a través do correo electrónico: oixcultura@carballino.gal.
Esta iniciativa, posta en marcha hai tres anos, intenta recuperar o cancioneiro popular galego que se solía cantar antigamente nas tabernas, e que suscita moito interese entre grupos creados para tal fin, que interpretan as súas cancións acompañados por instrumentos tradicionais como gaita, tamboril, pandereta e cunchas, ou tamén con guitarra ou acordeón, entre outros.