O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, será o encargado de pronunciar o pregón de Semana Santa. O acto desenvolverase este domingo, 18 de marzo, durante a misa das 12 no templo da Veracruz. A coral Orfeón do Carballiño tamén intervirá durante a misa.
O programa de Semana Santa deseñado pola Cofradía da Veracruz comezou o sábado, 10 de marzo, coa inauguración da exposición “A Paixón según Playmobil 2.0” e o ciclo de conferencias sobre historia e arte, que clausurará este sábado, 17 de marzo, o historiador e museólogo carballiñés Felipe Senén, que falará sobre “O culto ás Reliquias no Antigo Reino Galaicoleonés”.
A partir do venres 23 de marzo, co traslado da Virxe das Dores dende a vella igrexa parroquial ata o templo da Veracruz, sucederanse as procesións, que este ano ampliaranse a cinco.