O grupo de goberno municipal comeza a elaborar o presuposto do 2019, no que destaca a previsión de rebaixar o imposto do IBI un 10%. Desde a alcaldía considérase que a actual situación económica do concello permite esta rebaixa.
Se ben este imposto de bens inmobles, tanto urbana como rústica, permanece conxelado desde o ano 2017, e atópase nun tramo baixo (0,6% o IBI Urbana e 030% o IBI Rústica), desde a alcaldía considérase que hai marxe para unha rebaixa do 10%.
Hai que salientar ademáis que a domiciliación do pagamento deste imposto conleva unha rebaixa adicional do 3%.
O presuposto do concello do Carballiño para o próximo ano terá un carácter netamente social e inversor, coa perspectiva de incidir naquelas necesidades máis apremiantes en infraestruturas e servizos públicos municipais, así como na dinamización económica e creación de emprego, tanto no sector industrial como no terciario, e no fortalecemento dos recursos turísticos. Tamén terán continuidade os investimentos destinados ao aforro enerxético do alumeado público.
O obxectivo é proseguir coa política de modernización e afianzamento do Carballiño como vila e cabeceira comarcal puxante e con calidade de vida, e conquerir a participación dos grupos da oposición para poder levar a cabo todos os proxectos previstos. Neste sentido, establecerase un diálogo constructivo con cada un dos grupos políticos para acadar acordos con respecto á elaboración e aprobación destes presupostos municipais.