Ainda que inicialmente estaba previsto para celebrarse ao aire na Praza Maior, a mala previsión do tempo para este xoves, 18 de abril, provoca que o espectáculo “Canta mina pedra, canta”, de Xoán Curiel e Charo Pita, vaia a ter lugar no auditorio municipal Manuel María. Será á mesma hora prevista, ás 19,00 h. coa entrada totalmente aberta ao público e gratuita.
Este espectáculo, que se enmarca dentro do programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, é unha homenaxe a Antonio Fraguas, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Trátase de contos e cancións que foron recollidas por Antonio Fraguas, e que reviven neste entretido espectáculo de Xoán Curiel e Charo Pita, especialmente recomendado para nenos e nenas de 6 a 12 anos.
Co obxectivo de que o público que acuda ao auditorio poida seguir afondando na lectura en galego e no coñecemento do noso patrimonio lingüístico e literario, cada familia asistente recibirá antes de irse unha pequena antoloxía de narracións tradicionais de Galicia seleccionadas por Quique Haguindey e Maruxa Barrio, titulada “O fillo do rei e outros contos populares”.