O Orfeón do Carballiño crea un coro infantil. Esta iniciativa, que é pioneira no Carballiño, nace sobre todo polo interese do director da coral, Christian Casas, para impulsar a formación dun coro que permita o disfrute dos rapaces e rapazas do Carballiño e da contorna municipal e comarcal nunha actividade tan enriquecedora como é o canto, ao tempo que lle dea unha alternativa de formación e ocio cultural. Poderán integrarse neste coro os nenos e nenas de 8 a 13 anos, por considerarse as idades idóneas para unha formación deste tipo.
Neste sentido, Christian Casas expresa o seu convencemento de que este é o momento propicio para poñer en marcha esta fermosa experiencia que, ademáis, orixinará unha sinerxia a prol da implicación das novas xeracións no canto e lle dará ainda máis prestixio ao Orfeón.
Os integrantes do Orfeón consideran que a extraordinaria formación musical e a formación pedagógica recibida por Christian Casas será o mellor aliciente para que este proxecto triunfe, e por iso amosan o seu orgullo e ledicia por acoller no seno do Orfeón un coro infantil.
Para comezar a andar, está previsto impartir un ensaio con carácter semanal, que terá lugar os sábados de 16,30 a 17,30 h., no 1º andar da Casa da Cultura. Ditos ensaios, que comezarán este sábado, 6 de outubro, estarán coordinados polo propio director do Orfeón, Christian Casas, e pola profesora de canto e excoralista Marta Bravo.
Por todo isto, desde o Orfeón convídase a todos os pais e nais do Carballiño e da comarca, con fillos comprendidos entre os 8 e os 13 anos, a que se poñan en contacto coa directiva da coral, e que animen aos rapaces para asistir a estes ensaios.