Tras o éxito acadado este ano 2018 e o anterior, 2017, polos respectivos plans integrados de emprego “Carbaemprega”, o concello do Carballiño contará cun terceiro plan que se porá en marcha o próximo ano 2019. Nesta ocasión trátase dun plan cuxa formación centrarase en tres módulos: auxiliar de almacén, forestal e soldadura, e que dará formación teórica e práctica a cen persoas, quince máis que no anterior plan de emprego.
A selección das persoas que vaian a participar neste plan a realizará a Oficina do Servizo Público de Emprego de Galicia, para cuxo efecto abrirá unha lista. De feito, as persoas interesadas en optar a este plan de emprego xa poden efectuar a súa inscrición nesta oficina situada na rúa Otero Pedrayo. Así mesmo, na Área municipal de Orientación Laboral, situada na parte posterior da casa consistorial, facilitarán canta información se precise ao respecto.
No primeiro plan de emprego conseguiuse reinsertar no mercado de traballo a 41 persoas, e neste último plan a reinserción pode ser de máis de 50 persoas, superando en ambos casos as previsións iniciais. E de aí que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que financia estes plans, xa anunciase a concesión do terceiro plan para este próximo ano, e que será o único plan integrado de emprego aprobado para a provincia de Ourense.
A duración do plan será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica e práctica nos tres módulos previstos: auxiliar de almacén, forestal e soldadura.
O concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, que dirixe o departamento municipal solicitante deste plan, expresa a súa satisfacción por acadar este terceiro plan e conseguir máis financiamento e número de participantes, co que se posibilita que máis persoas desempregadas accedan á formación e poidan integrarse no mercado laboral. Por isto, amosa o agradecemento ao director xeral de Orientación Laboral e Emprego, Alfonso Marnotes.