O último curso de soldadura, organizado pola Asociación de Empresarios do Polígono Industrial e Parque Empresarial (AICA) co financiamento do concello, conseguiu reintegrar ao mercado de traballo a máis do 50% das persoas inscritas. Así, dos 21 traballadores que completaron o curso, 10 están xa traballando na empresa DIZMAR e outros cinco o farán nas próximas semanas.
Estes traballadores recibiron hoxe os seus diplomas acreditativos da realización do curso nun acto ao que asistiron o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira; o presidente de AICA, Manuel Carballeda, e o xerente da empresa DIZMAR, Carlos Rivas, así como a secretaria administrativa Inma Fernández. .
Adolfo Nogueira resaltou a importancia desta iniciativa así como o resultado final que, ademáis de formar a estes traballadores nunha especialidade de gran demanda no sector industrial carballiñés neste intre, atoparon traballo a maioría deles ou o farán en pouco tempo. Por isto, agradeceu o labor da asociación de empresarios da área industrial, a través do seu presidente, e do xerente da empresa DIZMAR, que se atopa nun momento de gran dinamismo. Ao respecto recordou que se leva a cabo actualmente a selección das persoas que integrarán o próximo plan integrado de emprego “Carbaemprega” no que un dos módulos será o de soldadura, polo que animou ás persoas desempregadas interesadas en achegarse á Oficina de Emprego para poder participar no proceso de selección.
Manuel Carballeda referiuse ao labor levado a cabo pola asociación que preside para axudar tanto aos empresarios como aos traballadores da comarca na tarefa de adecuar a formación ás necesidades das empresas, neste caso do sector do metal como é DIZMAR. Por isto, agradeceu a receptividade do concello coa súa proposta de levar a cabo un curso específico de soldadura. “A formación é a base para a reinserción laboral e mellorar a calidade do emprego” –dixo.
Carlos Rivas tamén agradeceu a colaboración do concello e confirmou que dos 21 traballadores que completaron o curso, 10 xa estaban traballando na súa empresa e que outros 4 ou 5 o farían nas próximas semanas. Neste senso, asegurou que se ían seguir necesitando traballadores especializados en soldadura, e que, ainda que é un traballo duro, estaba moi satisfeito polo número de persoas que completaron o curso. Por iso avogou porque se repita, e tamén para os demáis sectores.
Este curso de soldadura constou de dúas partes: unha de iniciación de 63 horas, e outra de perfeccionamento de 200 horas, que completaron 21 traballadores, que foron os que recibiron hoxe os seus diplomas correspondentes.