É o cuarto ano que a Xunta lle concede ó Carballiño o Programa Integrado de Emprego da Xunta de Galicia.
O vindeiro xoves 9 de xaneiro ás 11:30 da mañán no Salón de Plenos do Concello do Carballiño será presentado polo director de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, así como polo concelleiro de Turismo, Industria e Emprego, Manuel Dacal, o novo Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño 2019/2020, coa presenza da maior parte dos usuarios deste novo programa.
O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño ten o compromiso de inserir laboralmente como mínimo ó 40% das cen persoas do concello que forman parte del. Para tal fin conta con tres itinerarios formativos principais: de Servizos, Sociosanitario e Industrial, así como unha formación transversal común con disciplinas como Manipulador de Alimentos, Alfabetización Informática, Carretilla Elevadora, etc. Nesta mesma dirección os profesionais de Orientación Laboral do concello farán un seguimento de cada usuario con non menos de cinco accións individuais de asesoramento para a procura de emprego. Cabe mencionar que en anos anteriores superouse a cota de inserción proxectada, o que fala do grande éxito destes programas do concello, superando os obxectivos marcados pola Axenda20 para o emprego da Xunta de Galicia.
Do mesmo xeito, o 13 de xaneiro comezará a formación das cen persoas usuarias cos primeiros cursos de formación de Informática e Manipulador de Alimentos. O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño terá unha duración de dez meses e para a sua realización o Concello do Carballiño conta con tres profesionais de orientación laboral asi coma con múltiples profesionais docentes punteiros nos seus campos.
O Programa Integrado de Emprego, co financiamento da Xunta de Galicia a traves de créditos correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal, é unha acción principal dentro desta Concellería do Concello do Carballiño e unha teima persoal do propio concelleiro Manuel Dacal. Con tal fin os usuarios despois dos itinerarios de formación realizan prácticas non laborais en empresas senlleiras da contorna.
O Programa Integrado de Emprego do Concello do Carballiño realízase por cuarto ano consecutivo con tasas de inserción laboral superiores ás proxectadas inicialmente.