A mellora das infraestruturas viarias do Carballiño no medio rural, que se leva a cabo dentro do plan provincial de cooperación, continúa estes días na parroquia de Veiga. En concreto, trátase da continuación da obra realizada no Ollal a comezos deste ano entre a parroquia e o pavillón de deportes, a rúa do Monte do Moucho, así como a continuación ata a estrada do Irixo.
O proxecto consiste no asfaltado en quente do tramo que quedou sen completar ata o pavillón de deportes, así como a estrada que circunvala o campo da festa e continúa ata a estrada OU-902, O Carballiño-O Irixo.
As obras comezaron esta mañá e prolongaranse ata o mércores ou xoves.
No último ano executáronse varios proxectos importantes de mellora das infraestruturas na zona rural. Así, ademáis deste, leváronse a cabo asfaltados de importancia en Partovia, As Caldas e Señorin, entre outras parroquias.
RÚA AQUILINO SÁNCHEZ
Así mesmo, no casco urbano, estase culminando a obra de acondicionamento da rúa Aquilino Sánchez e Camiño de Aquilino Sánchez, nas que se realizan labores de mellora da rede de abastecemento e saneamento, incluído o enganche ao colector do Carrás, e o asfaltado en quente, que será o último traballo desta importante obra.