A Secretaría de Turismo do goberno central xa conta co proxecto de solicitude para a declaración da Festa do Pulpo como Festa de Interese Turístico Internacional. Hoxe mesmo foille remitido pola Xunta de Galicia a este organismo do que depende esta declaración, segundo infórmase en nota de prensa do organismo autonómico.
Os trámites para a elaboración do proxecto atrasáronse un ano debido ao cambio da normativa das festas de interese turístico no ámbito estatal, ampliando os requisitos para a súa obtención, sobre todo no referido á vertente da información dixital. Así, houbo que adaptar a páxina web da Festa do Pulpo aos novos condicionantes, entre eles a tradución a varios idiomas.
Tras esta valoración altamente positiva, e que foi tramitada polo departamento de Turismo de Galicia coa máxima celeridade, xa que o proxecto foille remitido recentemente, tras cumprimentar os novos requisitos, o concello espera que nos próximos meses a Festa do Pulpo conte con esta declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, o que suporá un valor engadido para este evento de gran transcendencia para O Carballiño.
Tendo en conta da complicada situación que se padece actualmente por causa do coronavirus, e que afecta moi directamente desde o punto de vista económico ao sector hostaleiro e comercial carballiñés, esta noticia ven a introducir un grao de optimismo con respecto ao futuro, xa que abre moitas posibilidades para o relanzamento da promoción turística do Carballiño.
O concello agradece a colaboración das autoridades responsables de Turismo da Xunta de Galicia, en especial á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, polo apoio e contribución para que este proxecto de solicitude se realizase coas mellores perspectivas de éxito.
NOTA DE XUNTA
A Xunta informa favorablemente a concesión da categoría de interese turístico internacional para a Festa do Pulpo do Carballiño
Hoxe remitiu o correspondente expediente administrativo á Secretaría de Estado de Turismo, organismo competente para formalizar esta distinción
Esta celebración é de interese turístico nacional desde o ano 2012
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2020.-
A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, da Vicepresidencia primeira, acaba de informar favorablemente a concesión da categoría de interese turístico internacional para a Festa do Pulpo do Carballiño, segundo a orde ITC/85/2019, do 25 de xullo, pola que se regula a declaración de festas de interese turístico nacional e internacional. Así, e de acordo con esta normativa, o departamento do Goberno galego remitiulle hoxe á Secretaria de Estado de Turismo, do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente administrativo co informe favorable da Xunta para a declaración desta festa co distintivo de interese internacional, xa que de acordo coa documentación presentada pola entidade promotora, neste caso o Concello do Carballiño, cúmprense os requisitos preceptivos para a concesión.
Segundo a mencionada disposición administrativa do Goberno Central, para que unha festa poida optar á declaración de interese turístico internacional, debe contar previamente coa declaración de festa de interese autonómico e logo nacional, categoría esta última da que goza desde o ano 2012.
Arraigamento e tradición
Na súa avaliación, Turismo de Galicia tivo en conta, entre outros factores o arraigamento na sociedade e a tradición da Festa do Polbo, así como a capacidade organizativa e as posibilidades en materia de aloxamento para os visitantes. Ademais, a Xunta valorou o apartado de promoción e difusión da festa no ámbito dos medios de comunicación internacionais e a promoción a través dos propios medios dixitais, tales como as contas en redes sociais e a páxina web.
Na actualidade, a Festa do Pulpo do Carballiño é unha das celebracións que máis visitantes congrega no verán e das que máis fama ten no ámbito gastronómico. A orixe desta festa remóntase á antiga tradición gastronómica relacionada co polbo na comarca do Carballiño que se puxo en valor coa iniciativa dun grupo de veciños nunha romaría que comezou a celebrarse tradicionalmente no Parque municipal da vila ourensá. Esta exaltación do polbo no Carballiño vénse producindo cada segundo domingo de agosto desde a década dos anos 60 do século pasado, coa participación de miles de persoas que comparten degustacións e xantares populares.