O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, asinaron esta mañá un convenio de colaboración no marco das Xociviga, que posibilita a edición dun libro e unha mostra de fotografía co título “A derradeira viaxe a Galiza”, alusiva a estadía de Carlos Velo nas Xociviga do ano 1985.
A acto desenvolveuse no auditorio municipal, e a continuación inaugurouse a exposición dunha selección de máis de trinta fotografías de Carlos Velo durante a homenaxe que se lle tributara no Carballiño, e presentouse o libro, que inclúe artigos dos protagonistas daquela viaxe, así como unha escolleita fotográfica, e que foi coordinado polo xornalista Xosé Manoel Rodríguez.
Asemade, as Xociviga proxectará pola tarde unha mostra retrospectiva de documentais do cineasta nado en Cartelle, entre a que se atopan os fragmentos de “Galicia”, localizados hai uns anos en Rusia.