A concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal poñen en marcha un novidoso programa de lectura e intercambio de libros denominado “Arrieiros de papel”.
A iniciativa consiste en situar en diversos lugares do Carballiño unhas cestas con libros, que se poden levar para ler e despois deixalos no mesmo lugar ou en calquera das outras cestas, e tamén se poden traer libros para incorporar aos que xa hai.
Unha destas cestas xa está colocada no descansiño da terceira pranta do concello, onde se atopan as áreas de Educación, Cultura, Turismo, Deportes, Orientación Laboral e a aula de informática.
Outra cesta situarase mañá na área de Serizos Sociais, na rúa Faustino Santalices. E a terceira colocarase na zona de descanso da Praza de Abastos. Asemade, está previsto poñer outra cesta nas piscinas municipais, en canto comece a tempada de verán.
As cestas, así como os libros, levan impreso un texto explicativo desta iniciativa:
“ARRIEIROS DE PAPEL. Ola, Son un libro moi especial, un arrieiro de papel. Se queres podes collerme, lerme e despois deixarme libre nunha das cestas que atoparás na nosa vila. Tamén podes deixar un libro teu e convertelo nun arrieiro para que viaxe polo Carballiño e o podan ler máis persoas.
E lembra… arrieiros somos e polo camiño atoparémonos.
Grazas pola túa colaboración e disfruta coa lectura”.
Se esta iniciativa resulta positiva, non se descarta incrementar o número de cestas e de puntos de ubicación.
Os libros incluidos neste programa son exemplares que a biblioteca municipal ten por duplicado ou triplicado, polo que tamén resulta un xeito de aproveitar mellor os fondos cos que conta este servizo municipal.