A Asociación de persoas con discapacidade física “Asdifica” convocou esta mañá unha concentración na Praza Maior do Carballiño para esixir a posta en marcha do servizo Atendo de RENFE na estación do ferrocarril da vila. Diversos integrantes deste colectivo acudiron á concentración conxuntamente coa concelleira de Benestar Social, Marina Ortega; o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, e o portavoz de Alternativa Veciñal, Bernardo García, así como algúns veciños.
O presidente do colectivo, Yago de Juana, leu un manifesto coas súas demandas, entre as que tamén se incluían con carácter xeral a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas para poder ter accesibilidade a todos os servizos.
Neste senso, a concelleira Marina Ortega recordou as diversas solicitudes remitidas dende o seu departamento para a implantación do servizo Atendo na estación do tren do Carballiño, sen que ata o día de hoxe se lle dise ningunha solución. Asemade, referiuse ás melloras realizadas na vila para eliminar paulatinamente as barreiras arquitectónicas, ainda que se precisaría un financiamento autonómico adicional para garantir a accesiblidade das persoas con problemas de mobilidade a todos os servizos e instalacións.
Atendo é un servizo gratuito de Atención e Asistencia a viaxeiros con discapacidade ou mobilidad reducida que Renfe pon a disposición dos clientes do ferrocarril. Trátase dun servizo especializado que orienta, informa e facilita ao viaxeiro o acceso e tránsito polas estacións, así como a asistencia na subida e baixadas dos trens. Na provincia de Ourense este servizo só o teñen a capital e O Barco, pero O Carballiño o leva reclamando con insistencia.