A asociación fotográfica O´Potiños inaugura este venres, 13 de outubro, ás 21,15 h., a exposición “Descrenza”, que se enmarca no Outono Fotográfico Ourensán 2018. Por isto, esta asociación convida a todas as persoas interesadas a asistir a este evento, que terá lugar no Casino.
DESCRENZA
Burato. Tronada. Desamor e deserto. Soidade. Pregunta. Escura noite preñada de ausencias… Silencio furado pola mensaxe da pomba das alas rotas. Chega a morte de todas as certezas: dubido, logo existo. Naufraxio das verdades aquelas que nos tiñan escravos. Catarse que nos libera. Descrer todo aquilo que parecía certo, pero que non o era e voltar ó camiño da busca e da liberdade onde nacen as papoulas frescas.
E tamén na fotografía: Recoñecer que o certo non é certo, que a foto non conta toda a verdade, senón a interpretación do autor. Non reproduce senón que crea. Descrer que nos cortaron as alas para voar co corazón, buscando sempre novos ceos. Renunciar á herdanza do fácil; descrer para inventar, para construír nós mesmos a nosa fotografía, o noso camiño, a nosa vida.
Así cre e crea “O POTIÑOS” nesta edición do Outono Fotográfico, pensando en branco e negro e con formato cadrado.