A concellería de Promoción Económica e a Praza de Abastos poñen en marcha unha campaña para promover o uso de bolsas reutilizables na compra. Por este motivo, esta área municipal elaborou 1.000 bolsas deste tipo para distribuir entre a clientela do mercado. A iniciativa foi presentada esta mañá polo concelleiro Adolfo Nogueira, e o presidente da asociación de praceiros, Eligio González.
Nogueira subliñou o traballo que está desenvolvendo a asociación, e referiuse a esta campaña como un paso máis para seguir promocionando as compras na praza e contribuir á mellora do medio ambiente eliminando bolsas de plástico. Tamén fixo mención ao proceso de cobertura dos postos baleiros na praza, sinalando que ainda non está resolto legalmente, pero que espera que se resolva en breve.
Eligio González agradeceu a colaboración do concello e lembrou as obras de mellora que se levan realizando na praza, e indicou que esta campaña precede á de Nadal, que se porá en marcha o 3 de novembro próximo. Asemade informou que o sábado 4 de novembro haberá unha actuación musical do grupo Feitizo de Pau, de 10,30 a 11,30 h. Con respecto aos postos vacantes dixo que estaban a traballar conxuntamente co concello, e que esperaban que se poidese solventar canto antes.
As mil bolsas de tela, que levan o anagrama da Praza de Abastos, son de cor verde e serán distribuidas polos postos da praza entre a súa clientela.