O Centro da UNED de Ourense, en colaboración coa concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, organiza un curso de Extensión Universitaria no Carballiño que leva por título “VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES: ÁMBITOS DE INTERVENCIÓN PROFESIONAL”. Este curso, que se desenvolve no marco das actividades formativas do 25 aniversario da UNED de Ourense, realizarase os días 17, 18, 24 e 24 de novembro, cun total de 21 horas presenciais. Haberá un total de 40 prazas, e o curso terá un recoñecemento de 1 crédito de ECTS para estudiantes da UNED.
O curso será impartido polos profesores José Armando García Veiro, José Manuel Ucha López e Erma González Hevia.
Con esta actividade formativa inténtase proporcionar a participantes unhas pautas de actuación ante os casos de violencia dirixida de forma específica contra as mulleres, tanto na atención e seguimento, como na prevención e diagnóstico temprano.
Os obxectivos do curso son:
- Promover a toma de conciencia sobre a violencia contra as mulleres como un grave problema de saúde pública que atenta contra a integridade e os dereitos humanos das mesmas.
- Suscitar a reflexión sobre os coñecementos, concepcións e actitudes que teñen as e os profesionais acerca da construción do xénero e a violencia contra as mulleres.
- Fomentar no persoal profesional (sanitario, social, educativo) actitudes de alerta e procura activa de condutas, síntomas ou signos de sospeita que faciliten a detección precoz, atención e prevención da violencia contra a muller e menores ao seu cargo.
- Promover unha atención de calidade, evitar a revictimización e garantir a seguridade das mulleres e menores ao seu cargo que sofren violencia.
- Promover no profesional a adquisición e desenvolvemento de estratexias de intervención e autocuidado.
Docentes do curso:
- José Armando Garcia Veiro, Xefe do EVAP da Policía Local de Vigo. O Equipo de Vixilancia e Apoio Policial (EVAP) creouse para a participación da Policía Local de Vigo en funcións de control e seguimento das “Ordes de afastamento” ditadas polos órganos xudiciais para a protección das vítimas de violencia de xénero.
- José Manuel Ucha Lopez, Fiscal delegado de menores en Ourense, que falará sobre o fenómeno da violencia de xénero entre os propios menores e adolescentes e tamén como afecta a violencia de xénero dos proxenitores aos propios menores.
- Erma González Hevia, Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e titulada en Magister en Psicoloxía Clínica, Legal e Forense pola Universidade Complutense de Madrid. Formación complementaria en Violencia de Xénero e Intervención Psicolóxica con Mulleres maltratadas polas súas parellas; Dependencia Emocional na Muller Vítima de Violencia de Xénero e Permanencia na Relación; Avaliación Forense da VG. Valoración do Dano Psíquico na Vítima; Comunicación de malas noticias en emerxencias e catástrofes e proceso de duelo. Experiencia profesional dentro de equipos psicosociais do ámbito público e do terceiro sector en Ourense
Información (Luis Gulín Iglesias). Centro Asociado de la UNED Ourense. tel 988 37 14 44 ext 1. fax 988 37 14 40.