“Aquí tes local. O Carballiño con comercio ten vida” é o lema do proxecto e da nova páxina web que acaba de poñer en marcha a concellería de Promoción Económica para dinamizar a vida comercial no Carballiño. Esta páxina web contén fichas de 26 baixos e locais comerciais do casco urbano, que neste intre están dispostos para o aluguer e, nalgún caso, con opción de compra.
A iniciativa foi presentada esta mañá polo concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, e a deseñadora da páxina, Chus Otero. Nogueira explicou que se trata dun traballo elaborado para dinamizar o comercio local, poñendo no mercado a través de Internet os locais baleiros do Carballiño. Tamén dixo que a páxina web nace no momento adecuado, pois son moitas as persoas que visitan a vila neste tempo de verán e, polo tanto, increméntanse as posibilidades de investimento na vila. A dirección da páxina é https://aquiteslocal.carballino.gal.
A páxina web ofrece imaxes da vila e a localización destes baixos e locais no mapa urbano do Carballiño, incluindo datos de interese como superficie, servizos e outras informacións útiles para os posibles interesados.
Prácticamente todas as axencias inmobiliarias do Carballiño participan neste proxecto, así como algúns particulares, e espérase que o número de locais que se ofertan se incremente nas próximas semanas.
Esta páxina web ten ademáis un enlace coa páxina web do concello do Carballiño co obxectivo de aproveitar mellor a disfusion das redes de Internet coas que se conta. Tamén hai unha dirección de correo electrónico á que se pode dirixir calquera petición de información: aquiteslocal@carballino.gal.