A mostra fotográfica “Oficios entre lusco e fusco”, de Xosé Abad, permanecerá aberta ao público dende hoxe ate o 14 de xaneiro na casa do concello.
A mostra foi inaugurada polo alcalde, Francisco Fumega; o coordenador institucional de Abanca para Ourense e Lugo, Alberto López; a coordenadora adxunta de Cultura de Afundación, Paloma Vela, e o director de Abanca no Carballiño. Está composta por unha vintena de fotografías de gran formato e extraordinaria calidade, e amosa aos protagonistas de moitos oficios a piques de desaparecer por mor da mecanización do traballo e da producción en masa nunha sociedade de consumo. De aí que atopemos fareiros, carpinteiros de ribeira, reloxeiros, cesteiras, tipógrafos…
Precisamente por isto, o alcalde destacou a súa importancia para as novas xeracións pero tamén para todos os carballiñeses, polo que convidou á veciñanza a achegarse ata o concello para visitar a exposición. Asemade, os representantes de Abanca amosaron a súa satisfacción por poder ofrecer esta magnífica mostra fotográficas promovida por Afundación e seguir traballando e administrando con eficiencia os recursos dos seus clientes no Carballiño.
Xosé Abad, nacido en Figueres (Girona) en 1956 iniciou a súa andaina profesional como fotoperiodista en diversos medios de comunicación na década dos anos 80. A súa obra visitou gran parte de Galicia e diferentes museos e institucións estatais e internacionais, recibindo diversos premios polo seu traballo e traxectoria. Expuxo en Galicia, Madrid, Barcelona, Córdoba, Suiza, Portugal, Alemania, Nova York ou Nicaragua. Coa súa obra colaborou con diferentes ONG galegas e latinoamericanas.
Esta iniciativa é parte do proxecto de ABANCA e Afundación de trasladar propostas culturais fóra dos seus espazos co obxectivo de achegalas a habitantes doutras poboacións.