Arredor de mil persoas repartidas nunha quincena de comparsas participarán no desfile deste martes de entroido que se desenvolverá polas principais rúas do Carballiño a partir das cinco da tarde. O desfile partirá da rúa Otero Pedrayo e percorrerá as principais rúas da vila, por Martínez Avellanosa, Avda. Xullo R. Soto, Calvo Sotelo e Rúa do Paseo. Coma sempre, estará encabezado pola murga carballiñesa Os Liborianos. Ao termo do desfile reunirase o xurado para proceder á concesión dos premios.
O concello repartirá 5.300 euros en premios entre as mellores comparsas. O primeiro premio terá unha dotación de 1.300 euros; o segundo, de 1.000 euros; o terceiro, de 800 euros; o cuarto, de 400 euros; o quinto, de 350 euros, e o sexto, de 300 euros.
Asemade, concederase un premio especial de 300 euros á comparsa que acade a mellor puntuación segundo o criterio dun representante de cada unha delas. Ademáis, haberá 15 accésits de 60 euros ás comparsas que non acaden ningún dos seis primeiros premios, E, finalmente, as cinco primeiras comparsas clasificadas recibirán outros 250 euros cada unha, se participan no desfile da Festa da Cachucha, o domingo, 5 de marzo.