As obras de remodelación da praza-mirador da Piscifactoría quedarán concluídas esta mesma semana. Tras o enlousado con pedra do paseo, realízase neste intre o enlousado da praza central arredor da escultura, e a continuación procederase á reparación e barnizado da barandilla de madeira e o recheo e sembrado de césped da praza con terra vexetal.
Esta mañá o alcalde, Francisco Fumega, achegouse ata o lugar para observar a marcha do proxecto, que está sendo executado por unha empresa especializada en reformas deste tipo. Precisamente, a iniciativa do proxecto partiu da alcaldía, por considerar unha prioridade reformar este mirador natural sobre o río Arenteiro, que está enclavado nunha zona de gran relevancia turística, no camiño entre o parque municipal, a parte alta da piscifactoría e o conxunto formado polo parque etnográfico do Arenteiro, a Pena dos Namorados, a fábrica de papel da Labandeira e o camping municipal.
As obras comenzaron hai tres semanas. Este espazo, situado ao final da avenida do Parque, fronte ao Instituto Chamoso Lamas, fora construido hai moitos anos pola primeira escola-taller do Carballiño, e o obxectivo do proxecto é mellorar tanto a accesibilidade como a seguridade e o embelecemento da propia praza, o mobiliario e a varanda. De feito, contará cun aparcamento reservado para vehículos de persoas con minusvalía.
O orzamento desta reforma é de 60.000 euros, que foron concedidos pola Dirección Xeral de Turismo mediante unha subvención a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos, cofinanciada co Fondo Social Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia.
O proxecto consiste na habilitación dun sendeiro empedrado con lousas de granito que facilitará o acceso autónomo das persoas con problemas de moblidade. Tamén se restaurará a varanda de madeira existente que rodea a zona do mirador, mellorando a seguridade. A praza central do mirador tamén irá enlousada con granito, e se modificarán os elementos ornamentais de tipo vexetal, setos e arbustos. Trátase dunha ampla reforma que convertirá este espazo natural nun lugar agradable de lecer.