O Centro Comercial Aberto e a Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual, Aspadisi, renovaron onte o convenio de colaboración que suscribiron o pasado ano para difundir as promocións e iniciativas do comercio local e realizar algúns labores manuais.
O presidente do CCA, Julián Garriga, e a presidenta de Aspadisi, Josefa Rodríguez, asinaron este convenio nun acto que se desenvolveu ao mediodía no centro da asociación de discapacitados.
Julián Garriga amosou o apoio á actividade que desenvolve Aspadisi e dixo que esta colaboración baseábase nun principio de auténtico desinterese, primando o entusiasmo que poñían os integrantes de Aspadisi para levar a cabo tarefas de difusión de publicidade e promoción do Centro Comercial Aberto.
Pola súa parte, Josefa Rodríguez expresou o seu agradecemento e orgullo polo feito de que se contase cos seus fillos para realizar labores que os facían sentirse útiles, e que incluso os motivaban para facelo cada vez mellor.